Castellano
O proxecto, promovido polo Concello de Noia, consistiu na rehabilitación da antiga fábrica de curtiduría da Chaínza para a súa transformación nun albergue turístico-xuvenil, destinado principalmente a peregrinos do Camiño de Santiago e a outros visitantes interesados na riqueza cultural, patrimonial e natural da zona.
O novo espazo ofrece aloxamento e servizos básicos gratuítos, como aseos, duchas, zona de lectura, comedor, lavandería (con lavadora, secadora e zona de lavado exterior), conexión WIFI e máquinas de vending. Ademais, proporciona información sobre o Camiño de Santiago e outras rutas de interese, fomentando o turismo sostible e o coñecemento do patrimonio local.
Ademais da súa función como albergue, o espazo destínase tamén á realización de campamentos xuvenís, intercambios culturais e actividades de cooperación, servindo como punto de encontro e convivencia para a mocidade.
O albergue funciona principalmente durante a tempada de verán, ampliando a súa apertura en ocasións especiais ou eventos concretos. O seu mantemento e xestión corren a cargo do persoal municipal, que se encarga das tarefas de recepción, limpeza e divulgación.
Esta iniciativa permite recuperar un edificio histórico con valor patrimonial, á vez que dinamiza a vida local e impulsa o turismo sostible e a cohesión social no municipio.
“A rehabilitación da antiga curtiduría da Chaínza converteuse nun proxecto emblemático para Noia, unindo historia, xuventude e turismo sostible nun mesmo espazo. Este albergue representa unha aposta polo aproveitamento do patrimonio e pola creación de oportunidades no medio rural.”