Castellano
O proxecto “Talentos Diversos”, promovido pola Asociación Ambar, ten como obxectivo impulsar a formación práctica e a inserción laboral de persoas con diversidade funcional, especialmente intelectual, mediante unha metodoloxía innovadora baseada en “aprender facendo” e no emprego con apoio.
Para levalo a cabo, a entidade adecuou e mellorou as súas instalacións no Polígono Industrial de Xarás (Ribeira), creando un centro de formación práctica e orientación laboral inclusiva, dotado de condicións adecuadas para impartir capacitación profesional en distintos oficios e ámbitos.
As actuacións realizadas incluíron melloras térmicas e funcionais do inmoble, renovación de carpinterías, instalacións eléctricas e térmicas, incorporación de sinalización accesible e novo equipamento formativo, todo baixo criterios de eficiencia enerxética e accesibilidade universal.
O centro constitúe un referente comarcal de inclusión e capacitación laboral, beneficiando a máis de 440 persoas a través de itinerarios formativos e ofrecendo asesoramento gratuíto a máis de 1.100 persoas. Ademais, as formacións están orientadas a facilitar a contratación directa en empresas ordinarias e contan cun acompañamento ás familias para favorecer o proceso de inserción.
A primeira formación, iniciada en 2025, céntrase en actividades de xestión, venda e promoción no pequeno comercio, así como na confección e publicación de páxinas web, combinando prácticas reais en empresas da comarca e seguimento posterior no posto de traballo.
“Talentos Diversos” representa un modelo inclusivo e sostible de desenvolvemento rural, aliñado cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), especialmente co ODS 7 (Enerxía accesible e non contaminante) e o ODS 12 (Produción e consumo responsables), demostrando que a formación e a igualdade de oportunidades son claves para unha sociedade máis xusta e cohesionada.
“Contar co apoio de Deloa e das axudas Leader foi esencial para facer realidade este proxecto. As instalacións atopábanse en mal estado e non permitían impartir formación nin capacitación para persoas con diversidade. Grazas ás axudas Leader e ó apoio de Deloa, fixemos unha mellora substancial da nave, iniciando as formacións no 2025 como tiñamos previsto.”