Xílgaro. Cantos compartidos é un proxecto de cooperación que nace da necesidade de reverter a fenda xeracional existente no medio rural galego e de frear o progresivo risco de desaparición do patrimonio cultural inmaterial, especialmente o relacionado coa música tradicional, a oralidade e as prácticas comunitarias.
O proxecto preséntase como unha proposta integral e innovadora que conecta diferentes retos territoriais a través dunha estratexia común. A música tradicional galega actúa como fío condutor e linguaxe compartida entre xeracións, mentres que os/as artistas emerxentes asumen o papel de “activadores musicais”, mediando entre a sabedoría cultural e popular das persoas maiores e a curiosidade e capacidade de aprendizaxe dos nenos e nenas de educación primaria.
O proxecto contribúe a transformar o patrimonio inmaterial nun activo vivo e dinámico, reforzando a identidade local, promovendo o orgullo de pertenza e xerando novas oportunidades de emprego artístico e cultural no medio rural. Ao mesmo tempo, fomenta valores de sustentabilidade, cooperación e cohesión social, asegurando que a tradición non só se conserve, senón que evolucione e se proxecte cara ao futuro.
Xílgaro simboliza, en definitiva, unha cultura viva, libre e compartida, que se move, se escoita e se renova sen perder as súas raíces.
Actividades de dinamización e visibilidade a través de actuacións no Festival da Luz, o sábado 29 de agosto:
O evento final de peche e presentación constituirá a culminación das accións do proxecto. Consistirá nun evento público interterritorial, no que se presentarán os produtos musicais, materiais dixitais e publicacións elaboradas, e participarán os grupos escolares e interxeracionais implicados, así como a comunidade local. Ademais, levarase a cabo unha celebración comunitaria, fomentando a participación cidadá e reforzando o sentimento de pertenza e cohesión social nos territorios implicados.
Asociación de Desarrollo Local DELOA
GDR Ribeira Sacra-Courel
GDR Ulla-Tambre-Mandeo
Fundación Paideia Galiza